
Aviso: esta vez non fai falta que traigades navalla, porque non haberá chicho.
Feliz ano.
"Para emprender la jornada
de esta ciudad, que ya tiene
nombre de Ciudad Real,
juntó el gallardo maestre
dos mil lucidos infantes
de sus vasallos valientes,
y trescientos de a caballo
de seglares y de freiles;"
Lope de Vega - Fuenteovejuna
Sr. Delegado da Consellería do medio rural
Expediente MON-LU-9/2008-ASV
Moi Sr Meu:
O asunto do castiñeiro é doado de explicar e ao mesmo tempo complexo. Hai trinta anos que os veciños mercamos unha propiedade, coa intención de modificar un camiño que atravesaba o campo da feira onde estaba situado o castiñeiro do que estamos a falar.
Esta árbore, polo lugar que estaba a ocupar – ao pé mesmo da pista - e mais a inclinación que lle estaba a afectar, tiña roto moitas lonas de camións e tractores. ( Eu mesmo fun un dos moitos afectados pola súa disposición, pois en certa ocasión quedou enganchado nel o remolque do meu tractor). A maiores, impedía as manobras de entrada e saída do transporte escolar que víase, un día si e outro tamén, en constantes atrancos.
O castiñeiro contaría cunha idade de 80 anos e medrou torcido por culpa de estar a sombra doutro máis grande que el e, como era de agardar, foi buscando a vida polo camiño que lle marcaba a luz do sol cada mañá.
Co propietario da árbore, Xulio Alvarez , -que é quinto, veciño e, por riba, amigo meu desde cativo - tiña falado en varias ocasións sobre a situación do castiñeiro e sobre os problemas que estaba a supor para todos os veciños a inclinación natural que padecía, asuntos ambos nos que tiñamos plena coincidencia de criterios. Sentado isto, achegueime unha mañá cedo ata o castiñeiro co meu tractor e a miña motoserra e optei por eliminalo, movido polo desexo común e compartido de ter libre e franca a pista pola que nos servimos todos os veciños. Tomei esta decisión, insisto, convencido de que estaba a facer un ben a toda a comunidade e mais a todos aqueles que, sendo alleos ao pobo de Doncos, tamén tiñan a necesidade de servirse da pista. Considerei, por dúas razóns, que a mellor opción era facelo eu mesmo: unha, porque Xulio Alvarez ten o seu posto de traballo fóra de Doncos (e non tiña tempo de facelo el mesmo...) e, outra, porque tampouco contamos cun pedáneo a quen dirixirnos, ( porque os alcaldes de hoxe en día non os nomean pois semellan ter o don da ubicuidade, don ben estudiado e que lles reporta unha morea de votos en cada elección ... ) e ,sopesado todo, e unha vez cortada a árbore, levei falca, cana e pólas ata a propia porta do dono para que fixera uso delas como mellor considerase. Case de seguido, esa mesma tarde, plantei no mesmo lugar un castiñeiro novo, enxertado e de “parede”. (O anterior era de “presa”, variedade que dá unhas castañas de moi baixa calidade).
Expostos os feitos, réstame manifestarlle a vostede que entre o sr. Xulio Alvarez e mais eu estamos a manter a mesma relación persoal de sempre, se ben –e isto é comprensible- fíxome o comentario de que nun suposto caso semellante fale previamente con el, para acordar xuntos día e hora na que proceder á corta (se esta é necesaria), e evitar así malos entendidos ou comentarios de terceiros.
Pola miña parte -ignorante de que esta acción podía rematar coa incoación dun expediente de sanción-,manifesto a miña disposición a non repetir, por ignorancia, feitos como os que deron pé ao informe que lle remitiron, e quedo á espera do que vostede decida. Se optara pola sanción económica, só pregarlle que non sexa dunha contía alta, pois os meus veciños fixéronme saber a súa intención de axudar no pago e non desexo que lles supoña unha cantidade elevada. (Recoñezo que a xenerosidade que me ofreceron a través dunha comisión de tres persoas chegou a emocionarme.)
Por outra banda, e na defensa do meu bo nome, quero engadir que en Doncos non me coñecen por feitos como o manifestado nas liñas anteriores, senón por outros absolutamente distintos...coma son os de plantar árbores polo pracenteiro gusto de facelo, así coma enxertar para min e para outros ou axudar nas labouras propias de bos veciños labregos. E isto, erros á parte, é algo que nestes intres me axuda a camiñar.
Para rematar, só invitalo – se o considera necesario para a súa decisión – a achegarse ata o meu pobo de Doncos para que coñeza “in situ” o lugar onde estivo a árbore que cortei , e a condición na que quedou agora ese mesmo espacio trala plantación do novo castiñeiro.
Agardando a súa comprensión quedo para o que vostede dispoña