2010-03-07

É VERDADE QUE SOMOS MAIS? NOVA NA VOZ

San Andrés ten pouco parecido con Blanes. A primeira é unha parroquia pequena das Nogais, no corazón da comarca dos Ancares. O segundo é un municipio da Costa Brava. Aí vivía Yolanda Jarillo. Pero en decembro fixo as maletas e cruzou toda a cornixa cantábrica ata chegar a San Andrés. Cambiou os turísticos areais cataláns pola illada montaña lucense. Nunca había estado aquí. Oíra falar centos de veces á súa parella daquel lugar ao que viaxaba de pequeno cada verán para pasar as vacacións, pero nunca vira como os tons verdes asaltan aos condutores que ascenden pola pista que conecta As Nogais con San Andrés.

«Estivemos a vivir en varias cidades catalás. En Xirona, Barcelona, en Blanes. Pero alí a vida é moi cara. Aquí ganas menos que en Cataluña, pero o soldo alcanza para moito máis.

Pero non todo é fácil. En San Andrés non hai auga da traída. A rede non chega. Cada veciño ten un pozo ou toman a auga das leiras. «Estamos a tratar de arranxar o problema co Consorcio de Augas do Cantábrico. Polo momento, temos que levar a auga en garrafas, pero con todo é mellor que non gañar para facturas. é unha experiencia. Vivimos mellor que pagando e pagando. En Blanes gañabas mil euros, pero pagabas uns 800 de aluguer. Por aquí, nas Nogais, podes atopar unha bufarda por uns 150 euros. En Cataluña iso é algo impensable», apunta.

Tampouco lle foi complicado atopar traballo. Chegou en decembro e, practicamente, empezou como camareira nun bar-hostal do municipio. A súa parella tamén o achou pronto, no seu, como oficial de primeira nunha empresa local.

Pero non son os únicos que tratan de regresar ás raíces que deixaron atrás os seus pais ou avós. «Por aquí nas parroquias do concello hai como unhas catro familias que volveron de Cataluña e hai outra dun pobo de aí arriba que, ao parecer, tamén vai volver», relata unha veciña do concello.