¿Que representa a néboa nun roteiro de sendeirismo? Desde o Chan de Vilar, parroquia de Nullán, nas Nogais, parte un caminiño que atravesa un mundo espeso, denso e verde no fondo do cal, entre os cantís que beirean estreitamente o río Navia, aséntanse as ruínas da Torre de Doncos. A brétema outorga ao bosque a virtude dun silenzo estremo e sepultan o val en capas de tempo, mentres nos cumios ancareses, nos prados de Torés, o domingo está luminoso e fresco. Aquí abaixo, pola contra, desaparece a sonosfera humana, o zunido da A6, e todo cala e pesa.
Os merlos, as pegas erguen o voo ao noso carón, e o caldo branco do boiro só se laña, de cando en vez, por un gaio vixiante desde algunha ponla, e polas pegadas nas follas dos soutos. Esta ruta, que sae da casa A Lareira e leva ata a Torre de Doncos (unha hora e media ou dúas de paseo) é unha auténtica marabilla evocadora. Case mellor que non a conte. Que a fagades connosco a través destas fotos. Vestídevos con imperméabeis, calzade botas resistentes á humidade. E metédeos na brétema ata Doncos e sorprendervos de emoción e beleza ata esta torre en ruínas, unha das chaves no reino de Galicia, vixía do Camiño que entraba de castela.